Puntadas sen fío: As bágoas de Pablo Iglesias

As bágoas de Pablo Iglesias por Siro
As bágoas de Pablo Iglesias por Siro

O dirixente de Podemos non puido evitar as bágoas ao recordar no Parlamento as torturas que o inspector da Brigada Político Social de Madrid, coñecido como Billy el Niño, inflixiu a numerosos homes e mulleres enfrontados á ditadura. Como era de esperar, as redes sociais ferveron con burlas e comentarios satíricos, nos que se repetía o chiste fácil de que debeu de botar demasiado cloro na piscina. Eu entendo a emoción de Pablo Iglesias porque tampouco puiden evitar a miña cando algúns amigos me describiron o horror dos días en que se sentiron monicreques rotos en mans dos torturadores. 

Billy el Niño foi o máis coñecido e nos relatos de Lidia Falcón e Paco Lobatón, dúas das súas vítimas, vemos un auténtico sádico. Sen embargo, a súa notoriedade debeuse á chulería e ao afán de protagonismo que mostraba, porque na crueldade había moitos coma el. A represión que seguiu en Ferrol ao 10 de marzo de 1972, cando dous traballadores de Bazán morreron por disparos da policía e resultaron feridos outros corenta, contou cun grupo de especialistas chegados de Valencia. A Fernando Miramontes, responsable de Organización do PCG, torturárono tres días e tres noites coas técnicas máis crueis. Moito antes, en 1963, o ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne, recibiu unha carta asinada por 102 intelectuais, que lle pedían investigase a represión da recente folga en Sama de Langreo, na que un mineiro morrera a consecuencia dos malos tratos na Inspección de Policía, outro fora castrado e a un terceiro lle queimaran os testículos. Dábanlle os nomes dos torturados e dos torturadores. Fraga respondeulles afirmando que parte dos asinantes da carta por el recibida se sentían enganados e que os mineiros citados, ou nunca existiran, ou eran comunistas que acudían libremente ao seu posto de traballo. A segunda carta ao ministro asinábana 188 intelectuais, informados da veracidade dos feitos denunciados na primeira e doutros igualmente graves.

Antonio Buero Vallejo, asinante das dúas cartas, inspirouse naqueles feitos para escribir o drama La doble historia del doctor Valmy, no que un policía dedicado á tortura de presos políticos recibe a orde de cortarlle o pene a un deles. Os problemas de conciencia causaranlle impotencia. Non puido verse en España ata o ano 1976.

En 1963 Fraga tivo que xustificar o fusilamento do comunista Julián Grimau, despois de ser torturado na Dirección General de Seguridad en Madrid e ser lanzado por una ventá desde o segundo piso para simular un suicidio. Rompeu o cranio, pero non morreu e o tempo que pasou no cárcere cubriuse cunha gorra porque a cabeza fendida daba medo.

Aínda que a tortura foi prohibida en 1948, na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, e na Convención contra a Tortura de Nacións Unidas, en 1975, segue a ser práctica habitual en 140 países, con gobernos de dereita e de esquerda. O libro Dios en las cárceles cubanas, da poeta María Elena Cruz Varela, demostra que non houbo diferenzas entre os cárceres de Fidel e Pinochet.

Deixa un comentario