Puntadas sen fío: Inocente, inocente

Inocente, inocente por Siro
Inocente, inocente por Siro

Está na tradición xornalística embromar aos lectores o 28 de Nadal, festividade dos Santos Inocentes, con informacións disparatadas e divertidas, como a que se deu, en 1907, sobre o roubo dun dos enormes leóns de bronce do Congreso, ou as que se difundiron, en 2017, da recuperación medioambiental do río Manzanares, no que xa brincaban troitas e salmóns; da multa que a Garda Civil de Tráfico puxera á pantasmagórica “rapaza da curva” por non levar chaleco reflectante; ou a dun Cristiano Ronaldo que devolvía o Balón de Ouro, ao recoñecer que Messi o merecía máis ca el. No decorrer deses 110 anos, todas as imaxinábeis, as máis delas ocorrentes, oportunas e enxeñosas; polo que somos lexión os que algunha vez obtivemos o título de “inocente, inocente”.

Porén, hai informacións que semellan inocentadas e non son. A recente creación en Málaga da empresa Pig Demont para venda online de auténticas xoias da gastronomía andaluza, especialmente “jamones y paletas de guarrillo negro”, parece broma pero é real; tan real como a de que o avogado de Puigdemont impugnou o nome ante a Oficina de Patentes e Marcas pola semellanza fonética co apelido do expresidente e porque o logo da empresa –a cabeza dun cocho con gafas e perruca- é a súa caricatura. O empresario argumenta que as semellanzas son casuais; que Pig é porco en inglés, Demont é De monte en francés, e o cocho do logo imita a Puigdemont coma un ovo a unha castaña; pero a Oficina prohibiu o nome por ser “contrario a la ley, al orden público y a las buenas costumbres”. A empresa pasou a chamarse Pig de Montes, conserva o logo e distribúe o viño escumoso Rufián e o tinto reserva QueenTorra. O empresario explicouno: “para bemoles, los míos”.

Ata onde chega a miña memoria, podo afirmar que a Voz non publica inocentadas, aínda que certos titulares semellen selo. Para mostra, dous botóns: “Cárcel para un motorista ebrio que enseñó sus genitales a un policía y le dijo: Sople”. “Bomberos cortan con una radial un anillo erótico en el pene de un ferrolano”.

Este último faime recordar outro feito, acontecido tamén en Ferrol, no barrio de Caranza, que, de chegar á prensa un 28 de Nadal, pasaría por inocentada, pero foi tal como o conto de principio a fin.

Tarde de sábado. O home da casa pon o buzo de Bazán para amañar o desaugue do vertedeiro, que derrama, mentres a muller vai mercar algo nunha tenda próxima. Mañoso non é e, ao pouco de meterlle man ao desaugue, as catro pingas convértense en chorro. Abraiado, pide axuda a un veciño con máis xeito en fontanería, e pásalle o buzo e a ferramenta. O veciño axeónllase no chan, mete medio corpo baixo o vertedeiro e ponse ao labor. A ferramenta tampouco é boa e di ao fontaneiro frustrado que vaia á súa casa por unha chave stilson. Mentres vai chega a muller coa compra e, ao ver a quen cre o seu home co cu en pompa, bótalle man á entreperna, ao tempo que pregunta: -¿De quién son estos güevitoooos? Co susto que papou o veciño dá tal cabezazo contra o vertedeiro, que perde o coñecemento e haino que levar ao hospital. O peor foi ter que explicar como se producirá o accidente.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.