Puntadas sen fío: Franco, aquel home

Francisco Franco

Probablemente puido evitarse que a xestión das visitas ao Pazo de Meirás pasase á Fundación Francisco Franco. Durante o último goberno socialista a vicepresidenta María Teresa Fernández de la Vega encargou ao embaixador no Vaticano, Francisco Vázquez, que aproveitase a visita da marquesa de Villaverde á embaixada, coa Orde do Santo Sepulcro, para falarlle da cesión do Pazo ao patrimonio nacional. O informe do embaixador á vicepresidenta dicía que a marquesa estaba disposta á negociación, sempre que se fixese de forma correcta. Zapatero coñeceuno, pero non deu ningunha instrución.

Tampouco –que se saiba- o fixo Mariano Rajoy, polo que é lóxico que Carmen Franco, con 91anos, confiase a xestión á fundación que leva o nome do pai; e é lóxico que a Fundación Francisco Franco queira aproveitar a cesión para loar ao Caudillo e limpar a súa imaxe da maledicencia que “a roxería” veu verquendo sobre el durante décadas. Un anticipo deuno o portavoz nunha entrevista na Sexta TV ao afirmar que Franco “no fusilaba a la gente”. E debe de ser verdade porque nunha xornada de pesca nun río de Asturias, alguén preguntou por un militar a quen perdera a pista e Franco comentou: -A ése lo fusilaron los nacionales.

Non debía de mandar tanto como se dicía porque cando Fraga se lle queixou dun gobernador civil que o maltratara, Franco aconsellouno: -Yo de usted dejaría las cosas como están, porque ese gobernador tiene muy buenas agarraderas. Cun exministro doído pola perda da carteira, mostrouse especialmente solidario: -Van a por nosotros.
Simpático non era. O piloto de hidroavións Ignacio Hidalgo Cisneros, que o tratou de xove, en Marrocos, comentou: -Franco es antipático desde que era célula. Pero a Fundación pode eloxiar é aquel swing golf do Caudillo, que envexaba o mesmísimo Ballesteros; o hercúleo brazo que lle permitía pescar e render atúns de 320 quilos; e a prodixiosa puntería para provocar chuvias de perdices. -En la última cacería batí el récord, matando en muy pocos ojeos cerca de cinco mil. Díxolle ao curmán Franco Salgado-Araújo; pero a condesa de Romanones contou que ao rematar as batidas, os soldados apañaban as perdices, fosen de quen fosen, e levábanllas a el.

Por certo, nunha cacería de perdices recibiu Franco a noticia de que uns rebeldes conseguiran chimpar a Batista, o presidente cubano. Quedou un cacho calado e logo comentou: -Siempre lo he dicho. Los dictadores nunca acaban bien.

Tiña razón.

Deixa un comentario